domingo, 1 de maio de 2016

Na Praza Do Peirao: Conmemorando O Día Do Libro

Para conmemorar o día do Libro, o venres  día 22 de abril de 2016 fomos de paseo cuns invitados moi especiais: os peques da nosa escola.
Nós somos de 5º A e acompañamos ao alumnado de 6º de Educación Infantil. Saímos camiñando  do patio da escola. Cada un de nós levaba da  man a un  ou dous dos nenos e nenas.
Polo camiño iamos contando anécdotas e experiencias...
É primavera e nas árbores das prazas xa están a agromar as follas.
Estabamos moi contentos de estar en contacto cos peques da escola que camiñaban relaxados e tranquilos pola nosa man.
Ao pasar diante do mercado as persoas que por alí estaban mirábannos curiosos e sorrían ao ver tanta rapazada xunta.
Tamén pasamos por diante dos restos da nosa historia destacando o miliario romano.
E así fomos chegando ata a Praza do Peirao.
Alí organizámonos por grupos para contarlles aos nenos e nenas  de 5 anos a historia desta praza.
Xa facía uns poucos días que levabamos traballando sobre ela e estivemos ensaiando a presentación na clase coa nosa profe Mary Carmen.
E faciámolo botándolle moito teatro e lento para que todos se enterasen moi ben.
Primeiro comezamos cun pouco de historia de Pontevedra e falamos da lenda do heroe Teucro que chegou de Troia para fundar a nosa cidade.
Tamén de como alí, no que agora é a praza, antes había un peirao moi importante, por iso a praza se chama así.
E por alí viviu un marino e poeta, Paio Gómez Charino, que foi moi importante na corte dos reis de Castela.
E resulta que por alí tamén chegou un día o gran navegante Cristóbal Colón  para tratar da construción dunha carabela para chegar ata As Indias por un camiño máis curto. E todo iso alí, na praza do peirao.
Os nenos poñían cara de emoción e de intriga coa historia do pirata Benito Soto que tamén por alí andou e seica tamén enterrou o seu tesouro.
Na praza para contar todo isto primeiro estabamos en grupiños sentados na praza. e a verdade é que todos estaban moi atentos.
E ao final paseamos tranquilamente mirando detidamente a fonte coa figuriña da fama no seu cume.
E miramos o noso reflexo nas augas da fonte.
O monumento á carabela de Cristóbal Colón...
Estabamos todos moi contentos. 
E respirabamos o aire perfumado co azahar das laranxeiras da praza.
Por último, como lembranza da visita, entregámoslle unhas bonitas postais de flores que preparamos na clase con moito cariño.
E xa tocou volver de novo para á escola, E continuamos a conversar con eles, saber  as súas opinións, a rir moito...
Foi unha experiencia  máxica!!!
 Lucía Barreiro Lema e Angélica Badás Cimadevila 5º A